30/4/09

QUE É UN BANCO DE TEMPO?

É un lugar de encontro no que atopar persoas motivadas a intercambiar Tempo, adicandoo a tarefas puntuais para resolver necesidades da vida cotiá, ou a compartir o que saben acerca de algo facendoó chegar a outras persoas; ó mesmo tempo que se fomenta a posibilidade de coñecer e confiar nos demais.

O Banco de Tempo ten un marcado caracter solidario xa que se apoia nun modelo de intercambio non dinerario, non hai cartos de por medio, e ademáis fai visible o traballo desenvolvido tradicionalmente polas mulleres ó tempo que permite crear redes de axuda e colaboración entre a veciñanza.

O Tempo é a principal riqueza “O Tempo é Ouro” e a unidade de intercambio é A hora.

QUE SE PODE INTERCAMBIAR?

(As seguintes actividades son só a titulo de exemplo, quen participe do Banco poderá ofertar os seus coñecementos e habilidades en beneficio de outras persoas).

- Cociñar: pratos tradicionais, doces típicos, cociña moderna,etc.
- Acompañamentos: ó medico/a, a pasear, ó cine, etc.
- Conversas noutros idiomas.
- Facer a compra a unha persoa enferma.
- Saberes: ensinar a cocer pan, a plantar árbores, a podar a parra, a tecer redes, oficios tradicionais da zona, etc.

En xeral, calquera actividade que se saiba facer e que poda aportar un beneficio á comunidade.

QUE SE PROPON DENDE O BANCO DE TEMPO?

*Promover os intercambios entre as persoas da comunidade veciñal fomentando os valores de cooperación e comunicación activando a rede de solidariedade da propia comunidade así como a participación social.

*Xerar actitudes positivas entre as persoas, aprendendo a dar e a recibir.

*Incidir nos mecanismos que fan da organización social do tempo e das diferenzas no seu uso un elemento de desigualdade de xénero.

*Fomentar a integración da diversidade cultural e social no ámbito comunitario, e promover a axuda mutua e o intercambio de experiencias.

BENEFICIOS QUE NOS APORTA PARTICIPAR NO BANCO DE TEMPO:

Pertencer a un Banco de Tempo aporta unha serie de beneficios entre os que podemos destacar os seguintes:

-Aprender dos saberes e coñecementos dos que dispoñen as persoas, para que coa súa transmisión non se perdan no tempo e sexan de utilidade na traxectoria vital da comunidade. Aquí en Cedeira temos un bo exemplo coa festa do Samaín, unha tradición que se recuperou porque as persoas maiores ensináronlles ás mais novas como preparar as cabazas e todo o que había entorno a esa festa.

-Aprender e saber valorar as tarefas da vida cotiá levadas acabo tradicionalmente polas mulleres no ámbito doméstico, destacando en positivo a importancia das mesmas.

-Atopar apoio para poder dar solución a necesidades puntuais e a situacións concretas que se podan presentar.

-A través do fomento das relacións de boa veciñanza, temos a posibilidade de coñecer e confiar nos demais, afianzase a confianza nas outras persoas.

-Compartir e aprender a dar e a recibir. Á maioría das persoas resultalles máis doado dar que recibir, sen embargo todas as persoas precisamos recibir nun momento dado. Compartir o tempo e aprender a convivir coas nosas diferenzas, enriquecenos mutuamente e fainos máis grandes como persoas. Non se fan intercambios só por necesidade senon tamén por compartir afeccións.

-Dende o banco de tempo vanse levar a cabo actividades moi diversas, principalmente aquelas actividades básicas da vida diaria que nos van resultar un apoio importante. Non hai que ser expertos en grandes temas, trátase de ofertar aquelas cousas que sabemos facer ben e que lle poden ser de utilidade a outras persoas.

-Vainos producir unha mellora da autoestima, as persoas sempre nos sentimos ben cando somos valoradas polo que sabemos facer, independentemente de que sexan grandes ou pequenas cousas.

-Incrementase as relacións sociais, as persoas que participan do banco de tempo van ter a oportunidade de coñecer a unhas persoas que doutro xeito non coñecerían. Fomentanse as relacións interxeracionais e interculturais. Neste concello hai unha poboación importante de persoas emigrantes, e isto é unha moi boa oportunidade para coñecernos e aprender doutros xeitos de ver a vida.
Ó mesmo tempo xerase capital social, xa que se valoran a capacidade e o saber, a tradición e a cultura, aspectos que non teñen valor de mercado.

IMPORTANTE:

As tarefas que se leven a cabo nos intercambios dentro do Banco de Tempo nunca poderán supoñer un posto de traballo encuberto.

HISTORIA DOS BANCOS DE TEMPO

As orixes dos Bancos de Tempo teñen certo paralelismo cos Sistemas de Intercambio Local, que se inician en Canada nos anos 30 do século pasado, e que se sustentaban na idea de constituir unha economía alternativa e solidaria.
Máis tarde nos anos 80 aparecen os 'Time Dollar' desenvoltos nos EEUU por iniciativa de Edgar Kahn, e nos que una hora de servicio valía un dólar. Este sistema derivou nos Time Bank (Bancos de Tempo) do Reino Unido.

Foi en Italia, en 1992, onde o sindicato de pensionistas de Parma puxo en práctica o proxecto de intercambiar tempo para resolver problemas da vida cotiá. Tres años despois extendeuse a outras provincias italianas, onde agora hai máis de 300 bancos do tempo.

En España viron a luz hai menos dunha década, sendo Barcelona o punto de entrada destes, pero foi nos dous últimos anos cando, ó abrigo dos concellos, se multiplicaron os Bancos de Tempo, un lugar de encontro para o intercambio de tarefas e cuxa moeda simbólica é a hora.

Galicia é a primeira Comunidade Autónoma na que se regulan os Bancos de Tempo, a Lei 2/2007 do 28 de Marzo, do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia, recolle no seu Título VI sobre a “Promoción autonómica das medidas municipais de conciliación” e no capítulo I “Os Bancos Municipais de Tempo”.
A partir de aquí créanse decretos que regulan dun xeito máis concreto ós Bancos de Tempo como unha medida municipal máis para axudar a conciliar a vida persoal, familiar e laboral das persoas que integran a poboación dos concello.
Na actualidade son xa máis de 60 os concellos da nosa Comunidade Autónoma que están a por en marcha un Banco de Tempo Municipal, e isto sen esquecer os que xa estaban implantados como os de Vigo ou o de Allariz.

Dende o Concello de Cedeira traballaremos dende esta perspectiva da conciliación, e ademais tentaremos que tamén sexa un lugar de encontro para recuperar as relacións de voa veciñanza ó tempo que se crea unha rede social forte capaz de dar resposta a situacións cotias que a día de hoxe non están contempladas en ningures.